A inverosímil redención do inspector Amador Ribeiro

Pegadas nun labirinto baleiro

Xosé Manuel García López

Baía Edicións, A Coruña, 2011, 390 páxinas.

 

A teor do crecente número de publicacións, cómpre recoñecer que a novela negra/criminal/detectivesca/policíaca segue en plena forma na literatura galega. Abonda con achegarnos a calquera librería e comprobar un significativo número de novidades dos diversos subxéneros policíacos ou criminais, que conviven arestora con outros libros e que seguramente atopan un público lector que gorenta cos temas e pautas desas narracións. A última en ocupar un sitio nos andeis de novidades, é posiblemente esta peza que comento, Pegadas nun labirinto baleiro do vigués Xosé Manuel García López, que significa asemade o seu debut como narrador en galego. Xa o fixera antes con dúas pezas en español.

Con todo, verifico que Pegadas nun labirinto baleiro é, por unha banda, unha antinovela detectivesca e, por outra, que o lector atopará nas súas páxinas un caixón de xastre xenérico. Cohabitan na mesma un tipo de relato pertencente claramente á novela criminal, negra e policíaca -sobre todo ata a derradeira parte- con outros que podemos inscribir nos subxéneros da narrativa fantástica, de misterio e de terror, sen que falten certos acenos de onirismo e de narración gótica. Estamos, ao meu ver, diante dun produto narrativo que ben poderiamos clasificar como “detectivismo contra-canónico e fantástico”.

É unha novela policíaca porque a trama inicial consiste na resolución dun misterio de tipo criminal. Nos montes de Lenzo aparece un cadáver dunha moza matada e cuadriculada, coa vaxina chea de “leitada”, como se for unha creación cubista: a cabeza cortada e metida  no bandullo. Seguen outros crimes en serie e o asasino fai traballos “artísticos” cos cadáveres. Tamén nos atopamos cun detective, que é o protagonista da novela, e por algures anda un descoñecido delincuente como antagonista. Todo concorda, xa que logo, coa definición  clásica de novela negra de Raymond Chandler: unha novela do mundo profesional do crime.

Mais decontado empezan as diverxencias coas pautas canónicas da novela negra, criminal ou detectivesca. O detective encargado do caso, Amador Ribeiro, un inspector de policía de Vigo, é a antítese do detective clásico e o seu comportamento fai fuxir aos lectores da tentación de se identificaren con el. Os seus obxectivos na vida son beber, drogarse, foder con mulleres -e se é gratis con prostitutas, mellor- e apuntar coa súa pistola á testa dos seus inimigos. Vive nun mundo sórdido, mergullado entre personaxes da “mala”. A morte ten para el un cheiro difuso e, no seu labor de esculca dos crimes, sabe o que é matar: deulle boleto ao Cuco, esnaquizouno e logo botoulle os cachos aos porcos dunha granxa, e violou e matou a Gloria, a camareira dunha discoteca. Chega, xa que logo, e por experiencia persoal non lle falta razón, á conclusión de que os polis non son moi diferentes dos que matan. Pero pensa que ten a posibilidade de redimirse, de limpar as pingas do sangue que tinxen a súa conciencia, atopando o asasino das mulleres.

A partir de aquí, o relato precipita o protagonista nunha sorte de tolemia, nun mundo de terror e de fantasía, no territorio do Príncipe dos Ermos, un bosque que se configura como un labirinto, a toba do Diaño, onde xogarán  a derradeira partida el e o asasino.

Penso que Pegadas nun labirinto baleiro, sobre todo na súa primeira parte, configura unha aceptable novela negra. Máis negra que detectivesca, pois, aínda que interesa descubrir o enigma, quen o fixo, o xogo da lóxica deixa de ser o obxectivo principal e ao narrador impórtalle, de xeito primordial, a descrición da sórdida sociedade onde nacen os crimes, eses ambientes escuros, poboados por personaxes como Eduardito, organizador de timbas e fodedor de rapaciñas de trece anos, o Caribeño, o anano chepudo que fai desaparecer coches con cheiro de sangue, ou Bocoi de Salceda, un home que tiña mil ollos. Interésalle así mesmo a alma atormentada e ateigada de remorsos dos personaxes.

Xosé Manuel García López

Na novela de Xosé Manuel García López esvaécense asemade as fronteiras entre o ben e o mal, a crítica social adquire un papel importante. A linguaxe é dura e allea ás mentes ben pensantes. Os personaxes empregan as xergas, unha linguaxe sexual sen eufemismos e reproducen o sexismo deses ambientes sórdidos nos que se moven. O paradigma de todo isto  é o inspector Amador Ribeiro que xulga as mulleres baixo o prisma de se son boas ou malas para foder.

O misterio, consubstancial  á novela negra, ocupa un lugar fundamental no último tramo do relato e, na miña estima, é aquí onde a proposta narrativa de García López ten o seu punto máis feble, por mor desa mestura de algo que quixo ser realismo máxico de tradición galega, e terminou sendo un inverosímil crebacabezas de fantasías, do ultramundo.

En canto a lingua, e aínda que non é esta unha crítica filolóxica, debo rexistrar varios erros, no que atinxe sobre todo á colocación dos pronomes átonos. Unha mostra requintada e reduplicativa nese “Eu te atrainte aquí” da páxina 323, consecuencia quizais dun erro tipográfico.