Unha magna obra, O Dicionario Xeográfico Ilustrado de Galicia

Diccionario Xeográfico Ilustrado de Galicia

Director: Francisco Javier Río Barja

Coordinación editorial: Marina Salgueiro Álvarez

Xeogal Publicacións, Santiago de Compostela 2009, 28  volumes.

    A Xeografía, como oportunamente nos lembra Francisco Rodríguez Lestegás, era noutros tempos un dos “ollos” da Historia, porque asumía o papel de dar conta do escenario teatral no que se producían os acontecementos do pasado. Este irmanamento  da Xeografía coa Historia proseguiu ata ben entrado o século XIX, destacando as primeiras achegas nos postremeiros tempos renacentistas que viron xurdir os primeiros dicionarios xeográficos e históricos. E acadou o seu máximo apoxeo durante  a Ilustración. Fillo da Ilustración foi Martín Samiento que plasmou os seus proxectos e  as súas ideas xeográficas en obras de grande importancia, nomeadamente na súa obra senlleira, Problema Chorográfico para describir todo el Reino de Galicia con el nuevo Método ( 1762 ), que dotou a Galicia da primeira cartografía científica dentro dos territorios . Foi durante o século XIX cando en España abrolla con forza o afán e unha fecunda liña de esculca para dotar ao pais de dicionarios histórico – xeográficos. Teima que continuará no pasado século XX.

Co referente da Ilustración, coa ollada posta no milenio inaugurado hai dez anos e con moitos máis medios para  a súa confección, xorde  o Dicionario Ilustrado de Galicia. Un magno proxecto editado por  Xeogal Publicacións, baixo a dirección honorífica  de Francisco Javier Río Barja. A coordinación editorial correu a cargo de Marina Salgueiro Álvarez; a supervisión editorial é responsabilidade de Francisco Rodríguez Lestegás, e da redacción e fotografía, un amplo equipo de xeógrafos e xornalistas do Grupo Correo Gallego, coa colaboración do Colexio de Xeógrafos de Galicia e da Comisión de Toponimia da Xunta. O resultado é  un Dicionario Xeográfico Ilustrado da nosa terra escrito no noso idioma e esteado no noso coñecemento do medio.  Os vinte e oito volumes do Dicionario Xeográfico Ilustrado de Galicia constitúen non só un monumento ao esforzo humano, senón tamén un moi útil instrumento como material de referencia e consulta para toda clase de público. É especialmente proveitoso para os estudantes de calquera nivel como ferramenta axeitada para o coñecemento do medio. Un formato áxil e avanzado permite efectuar  unha busca rápida de calquera núcleo de poboación  existentes na nosa terra, segundo o Nomenclator oficial, entre as 46.000 entradas despregadas alfabeticamente con datos moi actuais, pois foron recompilados no ano 2008, tirados de fontes oficiais, publicacións e traballos de campo. Teñen ademais cabida neste Dicionario os accidentes xeográficos, recollidos na cartografía Dixital, cunha toponimia moi detallada; as zonas costeiras, os espazos naturais protexidos, múltiples gráficos e contidos temáticos doutras disciplinas, pero que son referencia importante para Galicia, tales como xeografía económica, gandaría ou aspectos turísticos.

Marina Salgueiro, coordinación editorial

Un amplo despregamento xeográfico fotográfico reflicte a iconografía máis salientable de Galicia e serve de complemento ilustrativo, xunto cunha gran cantidade de infografía, ás entradas escritas. En resumo, un gran proxecto cultural patrocinado por Caixanova – é rechamante a ausencia de patrocinio da Xunta de Galicia, aínda que descoñezo os motivos – que nos amosa con rigor, amenidade e sinxeleza a realidade xeográfica de Galicia, o inmenso mundo que nos dá acubillo “ na súa aparente pequenez territorial, heteroxéneo na súa enganosa  uniformidade física e antropolóxica” como escribe na presentación  Francisco Javier Río Barja.

Advertisements