Narradores que avanzan cara ao novo

Xa comentei que Juan Tallón é un dos poucos narradores galegos que dirixen o seu relato pola rutas por onde hoxe camiña a narrativa máis vangardista. As etiquetas quedan á escolla do lector: posmodernidade, posnarrativa, metaliteratura, intraliterario, metaficción… pero todos fan ficción do mesmo corpo literario. Velaquí unha escolla de textos tirados das primeiras páxinas de A pregunta perfecta nos que xa todo queda claro, mesmo o título da novela.

Estaba claro: chegara o día, o momento, a hora, non só de escribir aquela historia que vinculaba a Aira e Bolaño misteriosamente, senón o diario do relato, é dicir aquilo que me ocorre cando non escribo pero que sen dúbida afecta á miña literatura. Aquilo que propiamente non ten reflexo no texto, pero que algunha forma ten que ver co texto, porque todo está interconectado”  ( Páxina 12 ).

……………………………………………………………………………………………………………………………

   “Hoxe crearemos a Deus”, anunciou cheo de razón Fitche aos seus alumnos, no comezo dunha das súas clases na Universidade de Jena. Paréceme unha boa cita – ou tan boa como calquera que este a pensar vostede – para ilustrar o momento no que tamén eu comezo a construír a realidade da que xurdirá aos poucos os vencellos escuros que uniron a César Aira e Roberto Bolaño, dous escritores de xeracións contiguas que determinaron a narrativa en lingua española actual” ( Páxina. 17 ).

……………………………………………………………………………………………………………………………

“Pero avancemos. O taller comezou cunha conferencia inaugural encargada a Michel Lafon, como tradutor ao francés de Aira e de Borges e catedrático de literatura arxentina na Université Stendhal de Grenoble. Nunca ouvira falar del, nin por suposto podía imaxinar a importancia  que co tempo ía ter na miña vida. Pero avancemos máis, xusto ata o momento, durante o terceiro día do taller, en que alguén preguntou a César que pensaba da obra de Roberto Bolaño. Ese é. Ese. Xustamente o momento máis importante. Alí na pregunta arrinca todo. Foi a pregunta perfecta”  ( Páxina 28 ).

……………………………………………………………………………………………………………………………

“Lectura de ‘Tres historias europeas’ de Lolita Bosch. Trátase dunha nouvelle e dous relatos (…) A súa arquitectura e dialéctica narrativas, baixo as que se procede a dividir en cachos intelixentes o feito temporal, presentando os acontecementos do pasado e o futuro en orde indistinta, confusa, pero que non impide unha lectura natural e emocionante, achegou o texto ao que eu chamaría unha pequena obra mestra.

   É a primeira obra que leo desta escritora. Comézase a consolidar unha nova xeración de narradores que avanzan en dirección non tanto ao bo, que é algo difuso, como ao novo” ( Páxinas 28 – 29 ).

……………………………………………………………………………………………………………………………

De: Michel Lafon < mlafon@yahoo.fr>

Para: juantallon@gmail.com

Data: 14 / 2 /08 22:11

Asunto: RV: Un relato

Querido Juan,

Do que me preguntas sobre César e Bolaño non sei nada, lamentablemente, que non sexa o que puiden escoitar coma ti durante a nosa estancia en Santander. Pero alégrome de que vaias enfrontarte a esa historia. A min tamén me pareceu memorable. Un gran abrazo. Michel” ( Páxina 33 ).