Homenaxe a Francisco Fernández del Riego

Reproduzo a convocatoria que fai Editorial Galaxia para homenxearmos todos os galegos ao eximio fillo desta terra, Francisco Fernández del Riego con motivo do seu pasamento:

CONVOCATORIA AO POBO GALEGO NA MEMORIA DO EXIMIO GALEGUISTA E EGREXIO INTELECTUAL

No pasamento de don Francisco Fernández del Riego

F. Fernández del Riego

Seguindo o seu desexo expreso, o noso chorado Francisco Fernández del Riego foi despedido na intimidade da súa familia. Como expresión pública de homenaxe a quen foi o seu fundador, padroeiro vitalicio e director desde 1963, a Fundación e Biblioteca Penzol, que el mesmo considerou o seu fogar cultural durante a maior parte da súa vida, instalará un modesto memorial na súa sede, na Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa de Vigo.
O domingo 28 desde as 11 h. da mañá ata as 7 da tarde, e o luns 29 desde 11 da mañá ata as 6 da tarde, nesa sede haberá un libro de condolencias e un tarxeteiro ao dispor das persoas que teñan a ben achegarse para expresar o seu dó por tan irreparable perda, sexa privadamente ou en representación de colectivos e institucións.
A Fundación Penzol e a Editorial Galaxia convocan tamén á cidadanía de Vigo e a toda a cidadanía galega a acudir aos actos que se están a organizar en memoria de quen honrou ao longo da súa prolongada e fecunda existencia os ideais máis elevados de servizo a Galicia, a súa lingua e a súa cultura.

Vigo, a 27 de Santos de 2010